A voceira do PSOE en Antas de Ulla,
Pilar García Porto, denuncia que o Alcalde se “enfrasca nun proxecto faraónico
afastado das necesidades reais dos veciños”, pois Varela decidiu investir
400.000 euros para melloras en contornas urbanas nunha única obra,
concretamente no arranxo da Praza de España; cuxa “contratación oculta as súas
miserias”. Os socialistas explican que, tras un proceso “nada transparente e
baseado en criterios subxectivos”, o proxecto foi adxudicado a “unha vella
coñecida do goberno municipal”, pois a empresa beneficiaria executa un número importante das obras do Concello. O PSOE reclama a Varela que aclare aos veciños os
criterios que seguiu nesta contratación, así como o feito de que foran os
propios traballadores municipais os que executaron as primeiras obras
deste proxecto, cando a totalidade das actuacións que contempla deberían estar adxudicadas a unha entidade que ata ofreceu levar a cabo melloras no proxecto
“poucos reais”, pois superan os 100.000 euros.
Obra faraónica
O Pleno do 30 de xullo aprobou o
expediente de contratación da obra Acondicionamento da Praza de España.
Tras a celebración da mesa de contratación, na sesión plenaria do 28 de agosto acordouse
a súa adxudicación. “O Alcalde en ningún momento quixo contar coa opinión dos Concelleiros
do PSOE. Nin nos consultou para o desenvolvemento do proxecto, nin nos convidou a
formar parte da mesa de contratación, polo que tivemos
que amosar a nosa opinión a toro pasado”, subliñou García Porto. En dita 1ª
sesión plenaria, os socialistas explicaron que apoiaban a apertura do
expediente de contratación, posto que co prazo de execución establecido (o 15
de decembro de 2015 é a data límite para xustificar a execución das obras), non
había marxe para realizar modificacións. Con todo, tamén manifestaron que a
obra a executar non lles parecía “indispensable nin prioritaria”. O proxecto
esta financiado a través do Plan Urban da CMATI. Por iso, tal e como explicou o
propio Alcalde, as actuacións teñen que ir dirixida a contornos urbanos. “Non
resulta ético realizar obras por uns gastos totais de 394.400 euros nunha única
praza mentres hai familias dentro do propio casco urbano, ó igual que acontece
en moitos núcleos rurais, que teñen pistas de terra para chegar ós seus fogares
ou carecen de servizos básicos como traída de auga ou sumidoiros. Tal e como
sempre defendemos dende o PSOE, o gasto e os investimentos deben priorizarse en
función das necesidades e demandas da poboación”, salientou a voceira. No 2º
pleno, os socialistas non apoiaron a contratación da obra por non ter acceso á
documentación presentada polas empresas con tempo suficiente para revisala
axeitadamente logo de constatar que a empresa que resultaba adxudicataria é a
mesma que realiza a gran parte das obras do Concello.
Adxudicación con ecos de
“cambalache”
Os socialistas comprobaron que a mesa
de contratación –á que non foron convidados- estaba integrada por 2 técnicas
municipais (secretaria e a propia arquitecta que realizou o proxecto) e 3
membros do PP (Alcalde e dous Concelleiros). A adxudicataria resultou ser “unha
vella coñecida do equipo de goberno, pois aínda na pasada campaña electoral se
encargou de obras de estradas municipais por valor de 100.466,65 euros, entre
outras actuacións recentes”. Un total de 24 entidades participaron nestes
proceso, no que os criterios subxectivos supuxeron o 75% da puntuación total
(75 puntos sobre 100). “¿Por que soa a adxudicación con ecos de cambalache?.
Pois porque a empresa contratada, na valoración dos criterios obxectivos é superada por
10 das 24 empresas que se presentaron. Na valoración económica acada a mesma
puntuación que outra entidade, que superaría en puntuación. Só gana cando se
valoran as melloras presentadas -que se inclúen nos criterios subxectivos, pois
estas non se poden medir- cunha diferenza de tan só de 3 puntos. Todo isto,
aínda que o valor das melloras da adxudicataria é inferior ao da entidade que
quedou en segundo lugar (110.505,98 euros fronte a 110.630 euros)”.
“O Alcalde debe aclarar que criterios
seguiu para decidir que as melloras ofertadas por esta empresa, afincada en Vila
de Cruces, eran mellores que ás de outras, cando se ofrecían actuacións como a
dotación de contenedores soterrados, eliminación de barreiras arquitectónicas,
construción dun parque infantil, infraestruturas de saneamento e abastecemento...¿Por
que decidiu contratar a esta empresa para realizar unha obra que nin foi
demandada polos veciños nin resulta prioritaria ante a falla de sumidoiros,
traídas de auga, pavimentos de acceso a fogares ou mesmo beirarrúas? Un
orzamento de case 400.000 euros non pode centrarse en decorar os arredores do Concello
e os as poucas beirarrúas que pisa o Alcalde. Esta praza, se as obras se
rematan axeitadamente e no prazo previsto, será a triste máscara que oculta as miserias
da xestión de Varela”, remarcou García Porto.
Obras contratadas e que
executan traballadores municipais
No pleno celebrado de xeito
aprazado o 28 de setembro, entre outros asuntos, o PSOE de Antas de Ulla
interesouse polas actuacións de retirada de materiais que o Concello estaba a
realizar con medios propios (traballadores e maquinaria) na praza de España,
poñendo en marcha deste xeito o proxecto de 400.000 euros contratado a unha
empresa externa. Os socialistas formularon as seguintes preguntas: Á vista de
que o Concello de Antas de Ulla está a retirar con medios propios materiais do
pavimento da Praza de España, así como mobiliario urbano, o cal é susceptible
de formar parte do proxecto recentemente adxudicado e denominado ACONDICIONAMENTO
DA PRAZA DE ESPAÑA; ¿qué importe do citado proxecto se corresponde cos
traballos realizados polo Concello con medios propios? e ¿como vai a repercutir
este aforro no desenvolvemento das actuacións que a empresa adxudicataria
levará a cabo na Plaza de España?. O Alcalde dixo que “non lle corresponde
ningún importe porque non se contemplaban esas actuacións no proxecto e, polo
tanto, non había cartos destinados a súa execución”. Os socialistas manteñen
que en todos os proxectos se deben incluír estes traballos, pois son previos á
execución de obras. O PSOE asegura que empresas que se presentaron ao concurso
para o acondiconamento da praza de España ofertaron a retirada do mobiliario
urbano e a reubicación do mesmo, que finalmente levou a cabo persoal municipal.