Torre de Amarante

jueves, 25 de abril de 2013

O Valedor admite a trámite a queixa en Antas pola posible “ilegalidade” na convocatoria do pleno dos orzamentos

A oposición puxo unha reclamación hai un mes ante o Valedor do Pobo por non ter o tempo que marca a normativa para poder analizar as contas públicas
 
O PSdeG vén de rexistrar ademais varias alegacións aos orzamentos, entre elas o incumprimento de prazos, a falta de información sobre subvencións otorgadas ou o rexistro como ingresos de axudas que aínda non foron concedidas
 
O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite a reclamación do grupo socialista de Antas e dos nacionalistas pola posible convocatoria “ilegal” do pleno do pasado mes de marzo realizada polo alcalde, o popular Javier Varela, que adiantou a data unha semana sen avisar cos dous días hábiles de antelación que marca a normativa. No pleno, lembran os socialistas, debatíanse temas “de moita relevancia para o municipio”, como a aprobación inicial dos orzamentos municipais de 2013, a aprobación definitiva das contas de 2012 ou a modificación dos estatutos e os membros do consello de administración da polémica empresa municipal Épica. Toda a oposición abandonou o pleno hai un mes ante a “falta de información e o escurantismo” do goberno local, que non deu tempo a revisar a documentación para poder debater sobre as contas públicas.
 
Alegacións do PSdeG aos orzamentos
Por outra banda, o PSdeG vén de rexistrar en tempo e forma alegacións aos orzamentos municipais. En ditas alegacións reflíctese tamén a posible “ilegalidade” na convocatoria do pleno de marzo para a aprobación inicial dos orzamentos, e recóllense asimesmo outras presuntas “irregularidades” nas contas, entre elas a presentación dos orzamentos fóra do prazo establecido , que tiña como data límite o pasado 12 de abril, ou a “falta de información” sobre as subvencións. Os orzamentos municipais só recollen dúas subvencións concedidas á Sociedade Deportiva Antas e ás festas parroquiais, e os socialistas reclaman que se recollan todas as axudas a asociacións e entidades “nominalmente”, para asegurar “a transparencia e os criterios obxectivos na concesión de subvencións”, como explica a voceira do PSdeG no concello, Pilar García Porto.
 
A outra reclamación dos socialistas no apartado de subvencións refírese aos ingresos reflectidos nos orzamentos. Neste punto, o Concello calcula os ingresos tendo en conta as subvencións xa concedidas pero tamén as que son previsibles e aínda non están concedidas e incluso as que só están solicitadas. “Cremos que isto non é serio e que pode falsear as contas municipais, polo que reclamamos que o goberno local se centre en rexistrar os cartos que xa están oficialmente recoñecidos”, apunta García Porto.