Torre de Amarante

martes, 23 de julio de 2013

O PSdeG de Antas pídelle ó Concello o expediente da concesión do quiosco da piscina “ante as evidentes mostras de que o está a explotar o tesoureiro municipal”

Os socialistas criticamos que este funcionario formara parte da mesa de contratación do posto de bebidas xa que agora “resulta obvio, como todos os veciños poden comprobar, que está a traballar nel, xunto coa súa parella”

Advirten de que farán “todo o que sexa necesario para garantir a legalidade do procedemento e defender os intereses dos veciños”


Dende o PSdeG de Antas de Ulla requerímoslle ó Concello o expediente completo de licitación e concesión do quiosco de bebidas situado na piscina da localidade ante “as notorias mostras de irregularidades cometidas neste proceso”. Neste senso, a nosa portavoz municipal , Pilar García Porto, explicou que, “como resulta evidente, e así o poden comprobar os veciños de Antas tódolos días, o tesoureiro municipal está a traballar o quiosco coa súa parella, pero non só iso, este funcionario formou parte como vogal da mesa de contratación na que se adxudicou este servizo, tal e como figura no decreto da Alcaldía para a aprobación do expediente de contratación, con data do 22 de maio”. Deste xeito, “pode darse o caso de que na mesa de contratación na que tomou parte este traballador municipal lle fose outorgado o quiosco a el mesmo, ou a alguén da súa familia”, asegurou a concelleira.

Ante esta situación “totalmente escandalosa e presuntamente ilegal”, García Porto solicitará ó Concello toda a documentación sobre o procedemento co fin de “comprobar todas as posibles irregularidades existentes”. A portavoz  subliñou, deste xeito, que, unha vez revisado o expediente, “faremos todo o posible, sen descartar ningunha acción, para garantir a legalidade e defender os intereses dos veciños ante as tropelías do Goberno local, pois para calquera veciño pode ser moi atractivo optar á concesión deste posto, teña un negocio hostaleiro ou non”.