Torre de Amarante

martes, 8 de enero de 2013

O PSdeG de Antas celebra que a Deputación invista na traída de auga, “unha demanda histórica” no concello


O grupo socialista está “moi satisfeito” de que o ente provincial asuma a obra ao 50% despois de que o Goberno Central deixara sen dotación a gran parte do Plan de Obras e Servizos, agardan que este sexa “o primeiro paso” para dotar de auga potable a todo o concello e lémbranlle ao PP que “hai moito que facer”

O Grupo municipal socialista de Antas de Ulla mostrase “moi satisfeito” co investimento realizado pola Deputación de Lugo na traída do concello, cunha obra prevista de “substitución parcial da rede de abastecemento de auga” e que vén a arranxar en gran parte o que xa era “unha demanda histórica” do PSdeG no concello e “unha necesidade para os veciños e as veciñas de Antas”. Despois de que o Goberno Central deixara sen dotación económica a parte do Plan de Obras e Servizos (POS), cun recorte de 2,7 millóns de euros na provincia de Lugo, a Deputación Provincial decidiu continuar adiante co POS aportando a súa parte e dándolle a posibilidade aos concellos de aportar ao 50% para continuar realizando obras na provincia.

”Ao longo de cinco anos presentamos numerosas iniciativas e reclamacións ao alcalde, xa que a rede está completamente deteriorada”, afirma a voceira socialista no concello, e engade que “as averías e roturas de tuberías son numerosas, e no verán prodúcese desabastecemento de auga potable, ademais de que as tuberías son de fibrocemento e hoxe xa non están autorizadas para uso sanitario pola súa toxicidade”. Este proxecto comprende a substitución parcial da rede de abastecemento de auga potable no casco urbán, concretamente no Camiño de Vilasión, e comprende o traxecto desde los depósitos de acumulación ata o Camino de Vilasión e posteriormente a súa continuación ata o encontro coa  rede de distribución na Rúa Nova. A financiación do orzamento, que ascende a 26.313,72€, será asumida no 50% pola Deputación e no 50% restante polo concello.

En palabras dos concelleiros socialistas “trátase duhna actuación necesaria e urxente que garantizará un abastecemento que cumpra coas normas sanitarias vixentes, pero insuficiente para satisfacer as necesidades actuais do núcleo urbano de Antas de Ulla, xa que a traída está deteriorada en moitos máis puntos e tamén as tuberías son de fibrocemento noutros tramos”. Neste sentido, lémbranlle ao PP que “hai moito que facer, e habería que empezar por ter en condicións os tanques do Monte Farelo que permanecen abertos e sen control todo o ano permitindo o acceso de animais ou persoas ao seu interior, tal e como denunciamos en numerosas ocasións, e habería que solucionar os problemas de abastecemento”. Así, critican que o Goberno Central destinase arredor de 600.000€ para a construcción dun tanque que non existe, e engaden que “hai moitas aldeas que aínda non teñen traída e outras nas que non funciona, como foi o caso de Olveda” este pasado verán. ”Agardamos que este sexa o primeiro paso para dotar de auga potable á poboación de todo o Concello e sentímonos orgullosos de que dende a Deputación se contribúa a dar solución a este vello problema dos veciños de Antas”, conclúen.