Torre de Amarante

jueves, 15 de noviembre de 2012

OS SOCIALISTAS DE PORTOMARÍN E ANTAS DE ULLA LAMENTAN QUE OS SEUS CONCELLOS PERDAN FONDOS ESTATAIS POR NON PRESENTAREN A LIQUIDACIÓN DAS CONTAS DO 2011


Estes dous concellos do suroeste da provincia de Lugo son os únicos do partido xudicial de Chantada que se atopan nesta situación. O concello de Antas  perderá cada mes 28 268 € e o de Portomarín 18 571 €, cantidades  moi importantes na economía destes pequenos municipios.


Lugo, 02 de novembro  de 2012. Ámbolos dous concellos recibiron esta semana unha comunicación do Ministerio de Facenda en que se informa que se practicará unha retención nas transferencias previstas do mes de outubro, porque en ámbolos casos incumpriron a norma que obriga os concellos a comunicárenlle ao dito Ministerio a liquidación dos seus presupostos.

No caso de Antas a situación non resulta novidosa, pois desde que Javier Varela herdou a alcaldía, o concello de Antas de Ulla vive sumido nunha penosa e caótica situación económica, debido ao desleixamento de funcións nesta materia por parte do alcalde e do seu equipo de goberno.

A finais do ano pasado presentáronse as contas do concello e da empresa municipal ÉPICA, sen cumprir os requisitos pertinentes e presentando numerosas irregularidades, como así o testemuñaba o informe negativo realizado pola secretaría-intervención. “Esta situación non mellorou e non se presentou o orzamento para o 2012 nin a liquidación de contas do 2011” manifesta a voceira socialista deste concello, que engade: “é imposible gobernar un concello sen ter as contas claras,  pérdense ingresos e non se sabe o que se gasta”.

Escurantismo e ocultación de información en ámbolos  casos

Os socialistas aclaran tamén que o afán por ocultar información é unha constante dos dous  alcaldes, que continuamente dificultan o labor e o traballo dos concelleiros na fiscalización e control dos equipos de goberno; “non se nos permite o acceso a diferente documentación municipal, como son a relación de usuarios de auga ou a recadación pola regularización de vivendas; este afán recadador do alcalde xoga en contra das economías familiares deste concello, que o único que fan é pagar impostos sen saberen a que os vai dedicar o equipo de goberno”, manifestan desde Antas de Ulla.

A partir do presente mes, o concello de Antas de Ulla deixa de ingresar na conta arredor de 30 000 € cada mes, una cantidade significativa para un concello de menos de 2500 habitantes, xa que o ano supoñen 360 000 €, sesenta millóns das antigas pesetas. Isto repercute directamente nas contas municipais, pois pode afectar ás nóminas, ao gasto corrente ou aos pagos por gastos ordinarios. Pilar cualifica os feitos de “desidia, abandono irresponsabilidade, desinterese e mesmo vagancia do alcalde e o seu equipo”, ademais aclara que “o PP de Javier Varela aumentou os gastos coas asignacións que cobran os seus concelleiros e as dos grupos políticos, naquel momento a proposta dos socialistas foi non cobrar por seren concelleiros, e eles aumentaron as asignacións”, así cualifican a actuación de “lamentablemente dilapidadora e interesada no seu propio beneficio”.

No caso de Portomarín, a voceira municipal Silvia Rodríguez Díaz non entende o que pasa coas contas do concello desde que accedeu a Alcaldía Juan Serrano, posto que nos anos anteriores nunca existiron este tipo de problemas e sempre se presentaron en prazo as liquidacións, cuxa aprobación depende exclusivamente da alcaldía. Silvia Rodríguez pregúntase “se se está a seguir a mesma política de ocultismo e falta de transparencia ca cos grupos da oposición, xa que o Concello de Portomarín non está informando das súas contas ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas”. Silvia Rodríguez lamenta esta situación, posto que máis de 18 000 € ao mes son uns ingresos fundamentais para o Concello de Portomarín, e isto pode chegar a provocar graves problemas de liquidez e afectar a pagos por gastos ordinarios ou ás nóminas. Ante esta situación “chegamos a entender por qué o alcalde di sempre que non hai cartos no concello, porque nestes últimos meses estamos asistindo a unha perda sistemática de ingresos, como no caso da recadación do Albergue Municipal ou da Piscina Municipal, e a retención dos fondos que ingresa mensualmente o Ministerio de Facenda xa é a gota que colmou o vaso, totalmente inadmisible para un concello que depende en boa medida destes ingresos para o seu funcionamento diario”, afirma Silvia Rodríguez.

Por estes motivos, en ámbolos casos, e tendo en conta que nos dous concellos non se celebrará pleno ordinario ata o vindeiro mes de decembro, os grupos municipais socialistas presentarán senllas propostas á alcaldía para que se teña en conta a situación e e para que desde os equipos de goberno se poñan a traballar coa finalidade de daren conta das liquidacións do 2011, de xeito que se poña solución canto antes a este problema económico que só afecta a estes dous concellos do suroeste lugués.

OS SOCIALISTAS DE ANTAS LAMENTAN A POSIBLE IMPLICACIÓN DO ALCALDE NO COBRO DE COMISIÓNS ILEGAIS A UNHA EMPRESA ADXUDICATARIA DE VARIAS OBRAS DO CONCELLO


Os socialistas anuncian que esixirán ante o concello o acceso a toda a documentación das obras adxudicadas a EXCAMEL, S.L.  para levaren a cabo un rigoroso control e análise das mesmas
Antas de Ulla, 07 de outubro de 2012. O diario El País publicou con data do 7 de outubro de 2012 unha nova en que se relata a posible implicación do alcalde de Antas no cobro de comisións ilegais á empresa Excamel, adxudicataria de varias obras  en Antas de Ulla, entre as que se atopan as últimas do Plan E correspondentes á anualidade 2010, e que, tal e como figura na web do Ministerio de Política Territorial, están aprobadas para o concello de Antas de Ulla.Trátase de dous proxectos cos seguintes orzamentos:
186 586,97 €   Dotación de infraestructuras, mejoras y conservación del área de especial interés de Augas
83 573,02 €     Puesta en valor y mejoras de los edificios de propiedad municipal sitos en As Canteiras
Xa no seu momento o Grupo Municipal Socialista de Antas advertira que “para levar a cabo a contratación dos case 400 000 € do Plan E do 2009 e dos preto de 300 000 € do 2010, o alcalde non quixo contar con empresas do noso concello. O procedemento legal indica que o alcalde tiña a obriga de convidar como mínimo a tres empresas para que concorreran á licitación, pero, curiosamente, ningunha delas  foi do noso concello”.
A empresa que executou as obras do 2009 foi  LUIS TABOADA S.L., de Vila de Cruces. En canto ás obras para realizar durante o ano 2010, a empresa adxudicataria foi EXCAMEL S.L. de Melide,  a continuación detallaremos as ofertas realizadas polas distintas empresas que concorreron o sorteo público en Antas de Ulla o día 21 de maio de 2010:
Puesta en valor y mejoras de los edificios de propiedad municipal sitos en As Canteiras (83 573,02 €)
            Excamel S.L.                               82 999 €  (Adxudicataria)
            Vázquez y Mesías S. L.           83 573,02 €
            Rafer S.L.                                      83 573,02 €
Dotación de infraestructuras, mejoras y conservación del área de especial interés de Augas (186 586,97 €)
            Excamel S.L.                               185 948 €  (Adxudicataria)
            Vázquez y Mesías S. L.           186 897 €
            Rafer S.L.                                      186 586 €
Declaran os concelleiros a través da súa voceira “xa no seu momento chamounos poderosamente a atención o feito de comprobarmos a coincidencia, ata nos céntimos!, da oferta realizada polas empresas non adxudicatarias da primeira obra, como tamén resultaba sorprendente que a única que presentou o correspondente certificado de solvencia bancaria para ambas as dúas obras fose  EXCAMEL S.L.”.
Noutra orde de cousas, os socialistas quixeron sinalar que o alcalde e o seu grupo de goberno seguen ocultando información sobre varios proxectos desenvolvidos no concello de Antas de Ulla e que, cando menos, resultan sospeitosos de presentaren irregularidades. Este é o caso do Horto Ecolóxico de Frádegas, en que se superpoñen claramente varios proxectos con distintas denominacións para o lugar de localización e de realización das obras, así como co cobro de subvencións procedentes de distintas administracións, e que claramente non cumpriron os prazos estipulados de desenvolvemento nin os fins orixinarios para os que foron concibidos. En concreto aclaran: “tal e como advertimos no seu momento o proxecto do Plan E denominado  Dotación de infraestructuras, mejoras y conservación del área de especial interés de Augas (186 586,97 €), antes foi o Centro Sostible de Ecoloxía Aplicada, tamén coñecido como Horto Ecolóxico, en que se certificaron  400 000 € con cargo ao programa europeo INTERREG III A, proxecto RURALIS SP1.P166/03”.
A estes puntos facía referencia o informe de denuncia das contas do concello do secretario-interventor municipal, Francisco Torrente Hortas, en que expoñía “presuntos ilícitos penais como os de malversación de fondos públicos, falsidades documentais, dilación indebida e obstrución dos labores de investigación do Tribunal de Contas e do Valedor do Pobo, prevaricación, contratación ilegal de persoal municipal, impedimento dos dereitos que a Constitución e a Lei recoñecen aos membros electivos da Corporación e outros”.
Perante esta situación, os concelleiros socialistas manifestan que esixirán por escrito a documentación relativa a todas as obras executadas por Excamel S.L. en Antas de Ulla, coa finalidade de analizar en detalle e comprobar que non se producisen irregularidades na adxudicación e na realización das obras.